Obra

Un biopic teatral escrito e dirixido por Santiago Cortegoso, asesorado polas biógrafas oficiais Belén Yuste e Sonnia Rivas, que percorre a vida de María Sklodowska-Curie nunha viaxe emocional desde a súa infancia nunha Polonia ocupada e marcada pola pobreza, pasando pola precariedade dos seus anos de formación en París, ata converterse na primeira persoa da historia (e única en dúas categorías científicas diferentes) en obter dous Premios Nobel.

A obra non se centra nun único episodio, senón no conxunto dunha existencia atravesada pola curiosidade, a resistencia e a vontade de coñecer. A través de lembranzas, saltos temporais e evocacións, a propia Marie reconstrúe diante do público os momentos decisivos da súa vida: a emigración, o encontro e o amor intelectual e vital con Pierre Curie, o traballo científico desenvolvido en condicións extremas, a maternidade, a viuvez, a guerra e a súa posterior proxección internacional como referente da ciencia moderna. Os seus logros científicos aparecen sempre ligados á dimensión humana da personaxe: a súa tenacidade fronte ás dificultades económicas, ás limitacións impostas ás mulleres e aos prexuízos cara á inmigración. Así, a historia convértese tamén nun espello do presente, abrindo preguntas sobre o papel da ciencia na sociedade, o feminismo, a ética do progreso e a capacidade do coñecemento para mellorar o mundo.

Entre o rigor documental e unha linguaxe cargada de poesía, a narración establece unha metáfora entre o universo físico e o universo interior da protagonista: desde o Big Bang e a materia invisible ata as partículas máis pequenas, a vida de Curie aparece como unha forza en expansión. O amor por Pierre e a súa paixón absoluta pola ciencia preséntanse como dous eixes simétricos dunha mesma enerxía: a necesidade humana de comprender a realidade e de deixar luz onde antes só había escuridade.