Exposición
Como complemento á función teatral, Empatía Teatro pon á disposición dos concellos e IES a exposición divulgativa “Maria Sklodowska-Curie. unha polaca en París” , comisariada polas biógrafas Belén Yuste e Sonnia Rivas. Pode instalarse na semana previa á representación teatral, creando a chamada “Seman Curie”, e require dun espazo expositivo axeitado como poden ser bibliotecas, Casas da Cultura, centros educativos, museos ou vestíbulos amplos. Trátase dunha versión reducida dunha mostra internacional itinerante que xa percorreu museos, universidades e institucións científicas.
A exposición achega ao público as diferentes dimensións da científica: a estudante que marchou a París, a investigadora galardoada con dous Premio Nóbel e a persoa comprometida socialmente. Está composta por 8 paneis biográficos, o vídeo documental “J’ai rencontré Marie Curie” subtitulado ao galego e unha silueta de Marie Curie a tamaño real, pensada tamén como elemento interactivo para o público. Os materiais son lixeiros e fácilmente montables (paneis de 10 mm con prensas metálicas e silueta en PVC con soporte), polo que a instalación é sinxela e adaptable a distintos espazos e interiores.
Como actividade opcional e complementaria, ofrécese a posibilidade de contar cunha conferencia divulgativa sobre a vida de Marie Curie, como acto de inauguración ou clausura. Esta, que leva por nome “Vida e obra de María Sklodowska-Curie” é unha lectura dramatizada dos textos realizados polas biógrafas de Marie Curie, tamén comisarias da exposición.