Equipo

DIRECCIÓN E DRAMATURXIA

Santiago Cortegoso

Licenciado en Ciencias Políticas e Especialista en Arte Dramático pola Universidadde de Santiago de Compostela, desde 1999 desenvolve unha ampla traxectoria como actor en compañías galegas como Teatro de Ningures e Teatro do Morcego, ademais de traballar na dobraxe e audiovisual. Entre 2006 e 2009 participou nos obradoiros de escrita “Pistas para unha dramaturxia de actualidade” do Centro Dramático Galego, formación que impulsa a súa dedicación á dramaturxia e dirección.

A partir do 2009 intensifica a súa labor na dirección ao fronte da compañía Ibuprofeno Teatro, coa que estre títulos como Reconversión, Smoke on the Water, O mel non caduca, Casa O’Rei, Raclette, O Furancho ou A filla de Woody Allen. A súa traxectoria foi recoñecida con galardóns como o Premio Rafael Dieste, o Álvaro Cunqueiro, o Varela Buxán e tres premios María Casares, ademais de ser finalista nos Premios Max.

Con máis de vinte textos publicados en galego e castelán, tamén escribiu pezas como O charco de Ulises e A furia de Amanita, na Bolsa de Dramaturxia do CDG.

Dirixiu espectáculos noutras compañías e institucións, foi codirectori da Aula de Teatro Universitaria de Pontevedra durante case unha década e imparte regularmente obradoiros de escrita e dirección.

Actor

Elisardo de la Cruz

Nado en A Coruña en 1975, inícisase no teatro amateur na escola e na universidade participando en montaxes musicais e no Grupo de Teatro da Universidade da Coruña coa obra La Posadera de Goldoni. Licénciase en Publicidade e Relacións Públicas (1994 – 1998) e fórmase como actor na Escola Municipal de Arte Dramático de Madrid (2002 – 2004). En Galicia, continúa a súa formación no Teatro do Andamio con Álvaro Guevara e Tatiana Linkhacheva, traballando no método Stanislavki e participando en montaxes que chegaron á Sala Triángulo de Madrid, ademais de formar parte da compañía Bartoleta Teatro dirixida por Helga Méndez.

Entre 2018 e 2021 completa máis de 1.000 horas de formación integral na Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón, perfeccionando técnicas de interpretación, teatro físico, verso, voz e dicción, música, danza e creatividade dramática con profesionais como Flor Maceiras, Celia González ou Manuel Areoso, entre outros. Paralelamente, desenvolve a súa traxectoria profesionral no ámbito da comunicación e publicidade en Empatía Comunicación, fundada no 2008.

En 2021 crea Empatía Teatro e estrea a súa primeira produción profesional, a adaptación ao galego de Every Brilliant Thing, titulada Esas Cousas Marabillosas, coa que supera as 45 funcións e os 8.000 espectadores. Este paso culmina un percorrido de case trinta anos vinculado ao círculo amateur.

Actriz

Vicky Sas

Formouse na Escola de Actrices e Actores de Narón entre o 2017 e o 2020, ampliando posteriormente a súa preparación no mesmo centro con preparación específica en Teatro Musical con Bea García, Xesto e Commedia dell’Arte con Pablo Sánchez e Improvisación con Lucía Veiga e Marita Martínez. Complementou o seu percorrido con cursos monográficos de narración oral con Cándido Pazó e Félix Albo, monicreques e sombras chinesas con Tanxarina e formación en clown na Escola Galega de Clowns. No ámbito musical, é percusionista na Agrupación de Música Tradicional Airiños de Fene.

Particippou nas montaxes Noite de Reis, de William Shakespeare (versión de Quico Cadaval para o CDG), dirixida por Celia González, e Terapias alternativas, escrita e dirixida por Bea García, ambas coa compañía TEN. Formou parte do espectáculo músico-teatral O camiño, producido pola agrupación musical Setestrelo.

Escenografía
Diego Valeiras

Desenvolve a súa actividade profesional no teatro, cine e televisión, colaborando con compañías como Elefante Elegante, Talía Teatro, Redrum Teatro, Caramuxo Teatro, Malasombra Producións, Butaca Zero, o Centro Dramático Galego e o Centro Dramático Nacional. No ámbito audiovisual traballou con directores como Ignacio Vilar, Gonzalo Caride ou Miguel López, e formou parte dos equipos de arte de series como Viradeira e O sabor das margaridas, ademáis de exercer como director de arte en Historias de aquí de Marcos Nine, e en programas de televisión como Tren de vida ou Salvaxe.

Compatibiliza a súa labor coa docencia en distintos centros, entre eles a ESAD de Galicia e diversas escolas e aulas municipais de teatro. Publicou artigos en revistas especializadas como RGT, Madrygal e nos catálogos Spain On Stage da AAPEE (Asociación de Artistas Plásticos Escénicos de España) da que é membro.

Ao longo da súa traxectoria recibiu varios Premios de Teatro María Casares, polo deseño de vestiario en Dreaming Juliet de Elefante Elegante e Iribarne (Butaca Zero), obra coa que tamén obtivo o premio a mellor espazo escénico.

Espazo sonoro
Marcos Vázquez
Mestre en Educación Musical pola Universidade de Santiago, compuxo e produciu músicas orixinais para comerciais de TV e radio, e bandas sonoras para curtos e series de televisión a nivel nacional. Como guitarrista e músico de sesión, colaborou con Xoel López, Cristina Pato, The Majestics, Xil Ríos e Julio Iglesias, entre outros.
Maquillaxe e Perruquería
Raquel Fidalgo
Tres veces nominada aos goya, recibiu o premio AGAPI 1997 por unha publicidade. Tamén premio AGAPI á mellor maquillaxe e perruquería 1998 por “Aínda máis difícil”. Por “O ano da carracha”, con María Barreiro, recibiu o premio Mestre Mateo á mellor maquillaxe e perruquería. Candidata por partida triple nos premios Mestre Mateo de 2006 na categoría de mellor maquillaxe e perruquería, por Días Azuis, A Atlántida e De bares. Nos Premios Mestre Mateo 2008 da Academia Galega do Audiovisual (entregados en 2009) recibiu o galardón de mellor maquillaxe e perruquería por “Os mortos van ás présas”, traballo realizado conxuntamente con Rosana Teijeiro.
Dirección técnica e iluminación
Ana Díaz Calvo (TEDAGA)
Con máis de 30 anos de experiencia, Tedaga é unha referencia na escena Galega e dando tamén soporte a espectáculos a nivel internacional. Foi premiada en 2024 nos Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas como pioneira entre as profesionais técnicas en Galicia, destacando a súa traxectoria nas artes escénicas.
Asesora científica
María Rey Garrote

Licenciada en Farmacia (1990 – 1995) e doutora en 2001, conta cunha ampla traxectoria nos ámbitos da química analítica, a xestión de laboratorios e a regulación e control de calidade nos sectores enerxéticos, medioambiental e sanitario. Participou durante máis de dúas décadas en proxectos científicos de alto nivel, en iniciativas de I+D e firma a autoría de diferentes publicacións especializadas.

A súa experiencia como investigadora e docente permite achergar rigor, coherencia histórica e sensibilidade científica á obra, supervisando a adecuación dos textos, o vestiario, a escenografía ou a comunicación. Un asesoramento que garante a profesionalidade escénica e o respecto á biografía de Marie e Pierre Curie, en coordinación coas biógrafas oficiais de Marie Curie, Sonia Rivas e Belén Yuste. Dirixe tamén a elaboración das unidades didácticas vencelladas á obra.